
24 Abr O Programa de Ciencias Mariñas de Galicia desenvolve novas tecnoloxías de observación e monitorización do medio mariño
- As melloras nestas tecnoloxías permitirá a implementación da Estratexia de Observación Mariña e Costeira de Galicia, unha ferramenta fundamental para acadar a sustentabilidade na xestión dos nosos ecosistemas e os seus recursos
- Estas novas tecnoloxías permiten a recollida dunha gran cantidade de variables ambientais e biolóxicas de interese pesqueiro, marisqueiro e acuícola
O grupo de traballo sobre “Novas tecnoloxías e ferramentas de observación e monitorización do medio mariño” do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia reuniuse recentemente para presentar os avances desenvolvidos nos últimos meses. As tecnoloxías que se están a desenvolver teñen como obxectivo aumentar a nosa capacidade para recoller mais información con menor custe, o que permitirá unha monitorización do ecosistema e os seus recursos realizada con maior frecuencia e con mellor cobertura espacial. Grazas a estes desenvolvementos e á capacidade científica e técnica de Galicia, poderá ser implementada a Estratexia de Observación Mariña e Costeira de Galicia nos vindeiros anos. Esta estratexia estase a planificar polo Programa de Ciencias Mariñas de Galicia e será presentada no próximo outono. Considérase una ferramenta fundamental e imprescindible para acadar os obxectivos de sustentabilidade na explotación e uso dos nosos ecosistemas e para dar respostas precisas e axeitadas aos problemas do sector mariño e ás necesidades de asesoramento científico da administración galega.
No ámbito da adquisición de datos bioxeoquímicos, instalouse unha plataforma na Ponte de Rande para a medida in situ de variables bioxeoquímicas esenciais e emerxentes e avanzouse na construción dun prototipo de automostrexador para a detección de metais pesados. O deseño e operatividade desta plataforma permitirá a súa réplica noutros lugares de Galicia. En contaminación química mariña, validáronse sensores e métodos de mostraxe masiva, desenvolveuse un sistema propio para o estudo de microplásticos e optimizouse un método para determinar compostos fenólicos en auga de mar, actualmente en proceso de patente. Ademais, no eido da ecoloxía operacional do plancto, melloráronse as técnicas de secuenciación de ADN e ARN e creouse unha base de datos estruturada.
En relación coa monitorización da liña de costa mediante drons de ala fixa e rotatoria, completáronse campañas de voo no espazo intermareal rochoso. Tamén se creou un conxunto de datos para adestrar algoritmos de intelixencia artificial destinados á detección automática de especies de algas. Estes desenvolvementos permitirán a partir de agora detectar e estimar a abundancia doutros recursos de interese, como a semente de mexillón.
No que respecta á automatización do proceso de toma de datos de pesca, implementáronse ictiómetros electrónicos, probouse un novo modelo de visión artificial para identificar capturas, desenvolvéronse novos prototipos para a recollida de ADN ambiental e instalouse un sistema de telemetría acústica para o seguimento en tempo real de elasmobranquios nas Illas Cíes.
Finalmente, no ámbito da seguridade e sostibilidade de produtos pesqueiros e acuícolas, completáronse modelos de predición da calidade da pescada, optimizouse a detección de E. coli en mexillón e concluíuse o adestramento de algoritmos de visión artificial.
O encontro congregou preto de 60 investigadores e investigadoras das institucións participantes no Programa no que se destacou o valor da investigación realizada en colaboración. Permitiu consolidar os resultados acadados e fixar as prioridades de traballo para os vindeiros meses, impulsando así o avance coordinado do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia cara aos seus obxectivos finais.
Esta reunión celebrada no Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR) enmárcase na preparación da VI Asemblea do Programa, que terá lugar o vindeiro 17 de xuño no Campus de Vigo da Universidade de Vigo, e que constituirá a penúltima sesión plenaria desta iniciativa estratéxica de impulso á investigación mariña en Galicia.
Máis información sobre o Programa de Ciencias Mariñas de Galicia
O Programa en Galicia conta cun financiamento de 10 millóns de euros, aportados polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades a través dos Fondos Next Generation EU e pola Consellería do Mar da Xunta de Galicia mediante o Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura (FEMPA). Este programa, centrado na ciencia mariña, promove a colaboración entre investigadores e axentes sociais, económicos e institucionais vinculados ao mar. Está coordinado por Fran Saborido (IIM-CSIC), Rosa Fernández (CETMAR) e Daniel Rey (UVigo).
Forma parte do Plan Complementario de Ciencias Marinas – ThinkinAzul, xunto coas Comunidades Autónomas de Andalucía, Cantabria, Comunitat Valenciana, Canarias, Illes Balears e Murcia, dentro do Programa de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Estado.