27 Out Máis de 150 investigadores debaten en Santiago sobre o futuro do sector dentro do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia
Na III Asemblea Xeral que está coordinada pola UVigo, CETMAR e o CSIC a través do IIM
- O encontro ten lugar na Cidade da Cultura, con conferencias e obradoiros centrados no coñecemento do mar
Arredor de 150 representantes das 14 institucións e centros de investigación que conforman o Programa de Ciencias Mariñas de Galicia reúnense hoxe para compartir o avance nos resultados dos traballos executados. Nesta III Asemblea Xeral, que ten lugar na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, búscase presentar, intercambiar e debater sobre resultados de investigación e coñecemento científico no ámbito das ciencias mariñas centrándose nas tres liñas de actuación do plan: observación e monitorización do medio mariño e do litoral, produción acuícola sustentable e coordinación e transformación social e económica para a resiliencia.
O encontro, que ten un enfoque científico-técnico, está organizado pola Universidade de Vigo (UVigo), representada polo Centro de Investigación Mariña (CIM) e Campus do Mar; o Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), a través do Instituto de Investigacións Mariñas (IMM) e o Centro Tecnolóxico do Mar (Fundación CETMAR).
Durante esta xornada, abordaranse os avances logrados ata o momento a través dunha quincena de presentacións orais e paneis co propósito de establecer unha estratexia futura máis sostible para o sector mariño galego. Na sesión de tarde terá lugar o obradoiro “Retos multinivel no mexillón: aproximación multidisciplinar dende o Programa de Ciencias Mariñas” no que participarán un total de 40 investigadores e investigadoras.
A este encontro asisten, ademais das entidades coordinadoras do Programa, representantes das institucións e dos centros de investigación implicados: a Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Universidade da Coruña (UdC), o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (INTECMAR), Meteogalicia, o Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC) e os centros propios da Consellería do Mar, o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) e o Instituto Galego de Formación Acuícola (IGAFA).
Un mapa de ruta do futuro da ciencia mariña galega
O Programa en Galicia está dotado con 10 millóns de euros, 6 millóns achegados polo Ministerio de Ciencia e Innovación mediante os Fondos do Programa Next Generation EU, e 4 millóns da Consellería do Mar, Xunta de Galicia, a través do Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura (FEMPA). A súa finalidade é transformar e mellorar a resiliencia da Galicia do mar, coordinando e impulsando a labor de investigación, desenvolvemento tecnolóxico e o diálogo entre o sector científico e de innovación e a sociedade galega. Esta dirección estratéxica céntrase na ciencia mariña e busca fomentar a colaboración entre a comunidade investigadora galega e os axentes sociais, económicos e institucionais vinculados ao mar.
Xunto a Galicia, as comunidades de Andalucía, Cantabria, Comunitat Valenciá, Canarias, Illes Balears e Murcia, tamén participan no desenvolvemento do Programa nacional de Ciencias Mariñas – ThinkInAzul no marco dos Planes Complementarios de I+D+i coas Comunidades Autónomas, que forma parte do Programa de Recuperación, Transformación e Resiliencia do estado.