Avanza o deseño do Plan Estratéxico de Observación Mariña de Galicia coa celebración do segundo obradoiro de validación do seu marco estratéxico

  • A información e resultados obtidos nesta sesión multiactor servirá como base para un terceiro obradoiro previsto para o outono, onde se dará continuidade ás fases seguintes de implementación e planificación do Plan de Observación Mariña de Galicia

A mellora da eficiencia dos recursos e medios destinados á observación mariña, así como o seu achegamento ás necesidades da sociedade, xa sexa da administración, do tecido produtivo ou da cidadanía en xeral, constitúe un dos piares fundamentais para aproveitar todo o potencial da observación mariña cara á xestión sostible do medio e os seus recursos e situar a Galicia como referente nacional e internacional neste ámbito.

Neste contexto, o pasado luns 30 de xuño celebrouse nas instalacións da Fundación CETMAR en Vigo o “Obradoiro para a Validación do Marco Estratéxico do Plan de Observación Mariña de Galicia”, organizado polo Paquete de Traballo 2 do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia, enfocado no desenvolvemento da estratexia e planificación da integración de sistemas de observación e monitorización mariña na nosa rexión. A actividade reuniu a 28 persoas expertas pertencentes á comunidade científica mariña galega e representantes de entidades relacionadas co medio mariño e marítimo.

O obxectivo é acadar unha mellor conexión e integración da observación mariña galega tanto a nivel estatal como europeo e internacional. Este obradoiro forma parte do proceso participativo de elaboración dunha estratexia integrada de observación mariña para Galicia, que persegue establecer un plan baixo un enfoque estratéxico que funcione como unha Rede de Redes xo fin de considerar necesidades a curto, medio e longo prazo.

A xornada deu comezo coa contextualización do Programa Ciencias Mariñas de Galicia, seguida dunha presentación da dinámica de traballo. Posteriormente, os asistentes participaron activamente nun espazo de análise e reflexión conxunta sobre o marco estratéxico da observación mariña galega.

Durante a xornada, organizáronse mesas de debate e de traballo interdisciplinar para aportar un enfoque innovador, orientado a co-deseñar unha estratexia sólida e resiliente fronte aos retos futuros. Este proceso permitirá reforzar e optimizar a observación mariña en Galicia, poñéndoa ao servizo dunha sociedade que demanda coñecemento, seguridade e sustentabilidade no aproveitamento do seu medio mariño.