
17 Xuñ O campus de Vigo acolle a última asemblea científica do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia
- Máis de 150 investigadores e investigadoras presentan en Vigo os avances finais do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia antes da súa clausura en decembro
- No encontro presentáronse solucións en pesca e acuicultura sostibles, transformación social do litoral e novas tecnoloxías para a observación mariña
O Campus de Vigo converteuse este martes no epicentro da investigación mariña en Galicia coa celebración da sexta asemblea científica do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia. Este encontro reuniu a máis de 150 investigadores e investigadoras das principais institucións científicas galegas para presentar os resultados acadados no marco desta iniciativa fundamental para o coñecemento, a xestión sostible e a protección do medio mariño galego. A cita marcou un fito no calendario científico galego ao representar a última presentación conxunta de resultados antes da clausura oficial do Programa en decembro de 2025.
O director do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, Daniel Rey, foi o encargado de abrir a xornada destacando a importancia dun programa que, segundo sinalou, “representa un exemplo de colaboración entre centros e institucións galegas na procura de solucións sostibles fronte aos grandes retos ambientais do océano”. Este puxo en valor o esforzo coordinado realizado nestes anos e manifestou a necesidade de garantir a continuidade do traballo desenvolvido, “porque as capacidades xeradas, os datos obtidos e as redes de cooperación establecidas non poden quedar sen continuidade nun momento tan crítico para a saúde mariña e costeira”.
Pola súa banda, a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Mónica Valderrama, participou tamén na apertura do encontro destacando o papel decisivo das axudas europeas para impulsar a investigación en Galicia. Subliñou que existen numerosas persoas cunha traxectoria destacada preparadas para desenvolver a súa carreira neste eido e reiterou o apoio da UVigo a este tipo de iniciativas, que permiten visibilizar o potencial da universidade na xeración de coñecemento e no ámbito da investigación científica. “Desde a Universidade de Vigo queremos amosar o noso compromiso firme coa ciencia mariña e co fortalecemento do ecosistema investigador, apoiando espazos como este que visibilizan o músculo científico e a capacidade de xeración de coñecemento do noso sistema universitario”, concluíu.
Ao longo da xornada, estruturada como un espazo de diálogo multidisciplinar, abordáronse os avances finais dos distintos paquetes de traballo, que cobren desde a observación e monitorización do medio mariño ata a transformación socioeconómica das actividades costeiras, pasando polos avances en acuicultura sostible, innovación tecnolóxica e gobernanza do litoral.
Retos mariños baixo a lupa científica
A asemblea estruturouse en tres bloques temáticos que permitiron afondar nos principais eixes científicos do programa. O primeiro bloque abordou o coñecemento como ferramenta para a xestión sostible do litoral e a transformación social. Entre os relatorios presentados destacaron un ensaio empírico en Galicia sobre transformacións sociais en sistemas mariños, a análise das novas estratexias de transferencia de coñecemento promovidas polo programa, a estimación do impacto socioeconómico da actividade pesqueira mediante modelos de táboas input-output e unha revisión das novidades xurídicas e políticas en materia de ordenación do litoral galego.
O segundo bloque estivo centrado na investigación e innovación orientadas a unha pesca e acuicultura sostibles e intelixentes, cun primeiro panel dedicado á xestión dos recursos mariños. Nese contexto presentáronse estudos sobre a reprodución do Sebastes en Flemish Cap, a estimación da consanguinidade en especies comerciais, o descubrimento dun novo sistema de determinación sexual na pescada europea, a resistencia da ostra plana á bonamiose e o uso da metaxenómica para a detección de virus mariños. No segundo panel deste bloque abordáronse novos modelos produtivos de acuicultura resiliente, como os sistemas de cultivo multitrófico en recirculación (IMTA-RAS), o uso de descartes pesqueiros para a elaboración de pensos sostibles para rodaballo, aplicacións de electroencefalografía para avaliar o benestar animal ou melloras nos procesos de reprodución e metamorfose da ameixa fina en criadeiro. Estes relatorios puxeron en valor a capacidade do sistema galego de I+D+i para impulsar solucións innovadoras orientadas a aumentar a competitividade do sector sen comprometer a sustentabilidade ambiental.
Na sesión da tarde, o terceiro bloque centrouse na estratexia integrada de observación e monitorización mariña e na valorización dos datos científicos. No primeiro panel presentáronse ferramentas como sistemas de alerta para riscos biolóxicos en acuicultura, métodos automatizados con intelixencia artificial para a lectura de bioensaios, sensores de alta resolución para a detección de alérxenos mariños ou aplicacións para monitorizar a calidade do peixe ao longo da cadea de valor. O segundo panel deste bloque puxo o foco na integración de tecnoloxías e servizos para a xestión dixital do medio mariño, con relatorios sobre a predición de variables bioxeoquímicas, o impacto dos episodios de choiva sobre a presenza de microplásticos nas rías, a creación dun laboratorio virtual mariño e o desenvolvemento dunha plataforma de big data con exemplos de uso en xestión ambiental e pesqueira.
Impulso da mocidade investigadora e impactos transformadores do Programa
Esta asemblea puxo especial énfase na participación activa da mocidade investigadora, que contou con espazos propios para a exposición dos seus traballos mediante charlas curtas. Este formato permitiu visibilizar o relevo xeracional na ciencia mariña galega e poñer en valor as súas achegas en ámbitos como a xenómica, a intelixencia artificial aplicada á pesca ou a análise do impacto do cambio climático nas actividades do litoral.
Ao longo dos seus anos de desenvolvemento, o Programa de Ciencias Mariñas de Galicia consolidouse como un instrumento clave para reforzar a capacidade investigadora do país, promover a innovación tecnolóxica e contribuír á sustentabilidade do medio mariño e da actividade socioeconómica ligada ao mar. Iniciativas como esta permiten abordar con rigor científico os desafíos da transición ecolóxica, fomentar a colaboración entre centros de investigación e sectores produtivos e poñer en valor o coñecemento xerado en Galicia como motor de desenvolvemento e resiliencia costeira.
Máis información sobre o Programa de Ciencias Mariñas de Galicia
O Programa en Galicia conta cun financiamento de 10 millóns de euros, aportados polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades a través dos Fondos Next Generation EU e pola Consellería do Mar da Xunta de Galicia mediante o Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura (FEMPA). Este programa, centrado na ciencia mariña, promove a colaboración entre investigadores e axentes sociais, económicos e institucionais vinculados ao mar. Está coordinado por Fran Saborido (IIM-CSIC), Rosa Fernández (CETMAR) e Daniel Rey (CIM-UVigo).
Forma parte do Plan Complementario de Ciencias Marinas – ThinkinAzul, xunto coas Comunidades Autónomas de Andalucía, Cantabria, Comunitat Valenciana, Canarias, Illes Balears e Murcia, dentro do Programa de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Estado.