O Programa de Ciencias Mariñas consolida a Galicia como referente no ámbito da ciencia, o coñecemento e a innovación

 

  •  O programa suma 110 fitos completados dos 233 previstos, consolidando o seu
    avance na investigación mariña

 

  • As ferramentas e tecnoloxías desenvolvidas permiten optimizar e reforzar de
    maneira sostible a produción marisqueira e acuícola, impulsando a economía
    azul do país

 

O Programa de Ciencias Mariñas de Galicia segue a consolidarse como un referente
na investigación oceánica e na promoción da sustentabilidade do medio mariño.
Orientado a fortalecer a resiliencia da rexión costeira galega, impulsa o
desenvolvemento tecnolóxico e fomenta o diálogo entre a comunidade científica e os
axentes sociais e económicos do sector mariño. No informe de execución presentado
este martes no Consello da Xunta, deuse conta dos avances acadados ata o
momento, con 110 fitos completados dos 233 programados, así como 45 entregables
dos 172 previstos.
No eido da observación e monitorización do medio mariño e do litoral, reforzouse a
accesibilidade dos datos mariños mediante a plataforma BigData Ciencias Mariñas.
Integráronse sistemas de observación con sensores avanzados, intelixencia artificial
ou drons para optimizar a monitorización ambiental.
Na liña de actuación asociada á acuicultura sostible, intelixente e de precisión,
logrouse completar o 90% do xenoma do mexillón e a ensamblaxe cromosómica da
ameixa xaponesa. Tamén se desenvolveron ferramentas xenómicas avanzadas para
bivalvos e peixes, ademais de optimizar sistemas de cultivo larvario e
criopreservación, mellorando a supervivencia das larvas. Avanzouse tamén en
sanidade acuícola con técnicas diagnósticas melloradas e formulacións de pensos
máis eficientes a partir de descartes de peixe. Ademais, obtivéronse biosensores non
invasivos para rodaballo e investigouse a acuicultura multitrófica integrada en sistemas
offshore e de recirculación. No cultivo do polbo, creáronse ferramentas de
monitorización do benestar e identificáronse biomarcadores de saúde e estrés.
Na terceira liña estratéxica, centrada na economía azul, innovación e oportunidades,
os traballos enfocáronse na caracterización dos vectores de cambio no litoral e na
integración de datos en xeovisores. Ademais, desenvolvéronse modelos para analizar
a interdependencia sectorial e valorar os servizos ecosistémicos. En canto á cultura
oceánica, traballouse na identificación de actores clave e elaborouse un inventario de
boas prácticas en ciencia cidadá, ademais dun catálogo de unidades de coñecemento
resultantes do programa para a súa transferencia. Asimesmo, estanse a deseñar
módulos formativos con ferramentas de autoavaliación para a capacitación.
O Programa de Ciencias Mariñas de Galicia non só impulsa a investigación, senón que
tamén fortalece a comunicación e divulgación dos seus resultados. Entre as súas
accións de transferencia de coñecemento e divulgación, salientan o encontro
celebrado na Cidade da Cultura, que reuniu máis de 230 asistentes e tamén a
publicación dunha trintena de artigos en revistas de referencia nacional e internacional.

Máis información sobre o Programa de Ciencias Mariñas de Galicia

O Programa en Galicia conta cun financiamento de 10 millóns de euros, 6 millóns do
Ministerio de Ciencia e Innovación a través dos Fondos Next Generation EU e 4
millóns da Consellería do Mar da Xunta de Galicia mediante o Fondo Europeo
Marítimo, da Pesca e da Acuicultura (FEMPA). Este programa, centrado na ciencia
mariña, promove a colaboración entre investigadores e axentes sociais, económicos e
institucionais vinculados ao mar. Forma parte do Programa nacional de Ciencias
Mariñas – ThinkinAzul, impulsado no marco dos Planes Complementarios de I+D+i
coas Comunidades Autónomas, no que tamén participan Andalucía, Cantabria,
Comunitat Valenciana, Canarias, Illes Balears e Murcia, dentro do Programa de
Recuperación, Transformación e Resiliencia do Estado.