O Programa de Ciencias Mariñas de Galicia presenta propostas clave para o futuro da acuicultura en AquaFuture

 

  • A participación incluíu mesas redondas, conferencias e encontros interrexionais sobre innovación, produción mariña e economía azul
  • A feira consolidouse como un punto de encontro internacional para o sector acuícola, con ampla presenza de empresas, universidades e administracións públicas

 

O Programa de Ciencias Mariñas de Galicia contou cunha presenza destacada en AquaFuture Spain, unha das principais feiras internacionais dedicadas á acuicultura. A súa participación activa en diversas actividades estratéxicas como mesas redondas, conferencias e encontros interrexionais, puxo de manifesto o seu compromiso co impulso do diálogo ciencia-sector, a transferencia de coñecemento e o fortalecemento da colaboración institucional.

Como parte da súa participación, o programa contou cun co-stand institucional no espazo da Xunta de Galicia, no que se amosaron os avances e obxectivos do Plan Complementario de Ciencias Mariñas, con especial énfase na liña de acuicultura sostible, intelixente e de precisión. A feira reuniu a unha ampla representación de profesionais do sector produtivo, centros de investigación, e administracións públicas de ámbito nacional e internacional, consolidándose como un espazo clave para a reflexión, a innovación e o intercambio arredor do futuro da produción mariña sostible.

No marco do programa de actividades, o Programa promoveu a mesa redonda “Garantindo o subministro sostible de semente de bivalvos: retos e oportunidades para a acuicultura e o marisqueo en Galicia”, moderada por Fiz Da Costa (IEO-CSIC) e José Babarro (IIM-CSIC). Durante o debate, abordáronse cuestións prioritarias para o futuro da produción de semente, como a xestión do recrutamento natural, a produción en criadeiros, e as sinerxías entre ciencia e empresa. Analizouse tamén a crecente demanda de semente en Galicia e en mercados europeos, poñendo en valor a necesidade dun ecosistema produtivo robusto que involucre desde o produtor de semente ata a administración pública, pasando polas fases de prengorde e os sistemas de cultivo. A sesión congregou a uns 50 asistentes e contou coa participación de representantes clave do sector marítimo e mariño e empresarial.

Por outra banda, José Luis Soengas (CIM-UVigo) participou na mesa “Tendencias alimentarias futuras e proteínas alternativas”, na que se analizaron as tendencias emerxentes do consumo de produtos acuícolas, cambios na demanda e as oportunidades de mercado, así como o desenvolvemento de fontes alternativas de proteínas. Por outra banda, Carlos Pereira (USC) interveu na sesión “Aumentar a produción para unha acuicultura global sostible”, na que se debatiu sobre estratexias para aumentar a capacidade produtiva da acuicultura de maneira sostible e eficiente.

Ademais, organizáronse dúas reunións interrexionais do Plan Complementario de Ciencias Mariñas (ThinkInAzul), nas que participaron 28 representantes de seis das sete rexións implicadas. Celebráronse os encontros dos grupos de traballo sobre acuicultura sostible, intelixente e de precisión e sobre economía azul, innovación e oportunidades, consolidando o papel de Galicia como nodo estratéxico para a cooperación interterritorial en investigación mariña.

No encontro do grupo de traballo de acuicultura destacouse a presentación dos progresos científicos e a preparación da participación conxunta no foro internacional Aquaculture Europe 2025 (EAS), onde Galicia e as demais comunidades participantes exporán os principais resultados en áreas como xenómica, alimentación e benestar animal, produción sostible de bivalvos e Acuicultura Multitrófica Integrada (AMTI). Pola súa banda, o grupo de traballo de economía azul abordou iniciativas colaborativas en curso, como a plataforma de matchmaking da rede nacional de ciencias mariñas, o canle REEECCAA de ThinkInAzul e un proxecto piloto nacional sobre a xestión da alga asiática invasora, así como diversos casos de éxito en transferencia de coñecemento orientados a impulsar unha economía azul sostible e innovadora.

Con esta intensa participación, o Programa de Ciencias Mariñas reafirma a súa misión de fomentar a excelencia científica, a sustentabilidade dos recursos mariños e a colaboración público-privada como piares fundamentais para o futuro da acuicultura en Galicia.

Máis información sobre o Programa de Ciencias Mariñas de Galicia

O Programa en Galicia conta cun financiamento de 10 millóns de euros, aportados polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades a través dos Fondos Next Generation EU e pola Consellería do Mar da Xunta de Galicia mediante o Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura (FEMPA). Este programa, centrado na ciencia mariña, promove a colaboración entre investigadores e axentes sociais, económicos e institucionais vinculados ao mar. Está coordinado por Fran Saborido (IIM-CSIC), Rosa Fernández (CETMAR) e Daniel Rey (UVigo).

Forma parte do Plan Complementario de Ciencias Marinas – ThinkinAzul, xunto coas Comunidades Autónomas de Andalucía, Cantabria, Comunitat Valenciana, Canarias, Illes Balears e Murcia, dentro do Programa de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Estado.