O Programa de Ciencias Mariñas de Galicia reúne a preto de 250 profesionais para abordar os retos e oportunidades do mar galego

  • O presidente da Xunta inaugurou o II Encontro cos sectores do mar consolidando esta iniciativa como un modelo de colaboración científica e de integración sen precedentes en Galicia, que impulsa a observación mariña, a acuicultura sostible e a economía azul

 

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado pola Conselleira do Mar, Marta Villaverde, inaugurou o II Encontro do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia que reuniu na Cidade da Cultura de Galicia a preto de 250 profesionais, entre persoal investigador das 13 institucións galegas vinculadas á investigación mariña, representantes dos sectores produtivos, empresas, administracións e entidades sociais. “A investigación do medio mariño ten en Galicia un centro de referencia a nivel de España e de Europa e aspiramos a selo a nivel mundial. Temos que seguir sendo un exemplo en investigar, sacar conclusións e saber aplicalas”, indicou o presidente.

O evento permitiu compartir os principais resultados xerados desde o Programa como base para o debate aberto cos axentes sobre desafíos e oportunidades á vista dos avances no coñecemento.

Coordinado por Fran Saborido Rey, do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC), Rosa Fernández Otero da Fundación CETMAR e Daniel Rey García, do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM-UVIGO), o Programa de Ciencias Mariñas de Galicia integra a máis de 350 investigadores e investigadoras nun esforzo colaborativo sen precedentes e referente estatal en ciencia mariña aplicada aos desafíos do mar galego. A súa metodoloxía colaborativa e seu enfoque innovador contribúen a mellorar a eficiencia no uso dos recursos, impulsar a sostibilidade e fortalecer a capacidade de Galicia para afrontar os retos ambientais e produtivos do presente e futuro.

 

 

O encontro estruturouse en dúas sesións principais. Un primeiro panel, baixo o título “Retos e impacto nos sectores produtivos do mar: a sostibilidade como motor de transformación”, presentando os principais resultados do Programa en ámbitos clave como o desenvolvemento e transferencia de ferramentas para mellorar a xestión sostible das poboacións de bivalvos e novos protocolos que garantan a dispoñibilidade continua de semente de calidade. Tamén se trataron temas relacionados coa implementación de sistemas de acuicultura multitrófica integrada, tanto en mar como en terra, mostrando os beneficios do cultivo de produtores primarios, en especial macroalgas, e o seu potencial para o desenvolvemento dunha acuicultura mariña sostible e rexenerativa. Por último, presentáronse ferramentas xenómicas que permiten, entre outros, estimar con maior precisión a abundancia e resiliencia das especies mariñas e avaliar o impacto do cambio climático.

O segundo panel, Datos que transforman: Estratexia e retos da observación mariña”, centrouse no valor dos datos para a toma de decisións informada e a xestión sostible do medio e os seus recursos. Entre os principais avances, produtos e servizos presentados atópanse a Estratexia Galega de Observación Mariña, conectando necesidades dos diferentes sectores cunha gobernanza coordinada; plataformas automatizadas e sensores avanzados para unha observación e monitorización do medio mariño en continuo, de calidade e a un custo razoable; novas técnicas para avaliar o impacto do cambio climático, la contaminación mariña, as biotoxinas, a dinámica dos ecosistemas e os seus recursos, así como garantir a seguridade alimentaria e a creación dunha infraestrutura de Big Data e HPC no CESGA, conectada a un Laboratorio Virtual Mariño que facilita a interconexión, análise e visualización de todo tipo de datos mariños.

Na sesión da tarde, o persoal investigador do Programa presentou aos representantes dos diferentes sectores mariños os avances e resultados obtidos nun espazo interactivo a través de puntos informativos con paneis, vídeos, modelizacións e algúns dos prototipos desenvolvidos.

O Programa de Ciencias Mariñas de Galicia consolídase como un instrumento estratéxico para a cooperación científica e a transferencia de coñecemento, situando a Galicia á vangarda da observación mariña, a acuicultura sostible e a economía azul.

O Programa de Ciencias Mariñas de Galicia que forma parte dos Plans Complementarios de Ciencia do Ministerio de Ciencia, Innovación y  Universidades incluídos no Plan de Recuperación Transformación e Resiliencia (PRTR-C17.I1) foi financiado a través da Xunta de Galicia con fondos NextGenerationEU e Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura da Unión Europea.