Thinkin Azul España | Actualidade
Search
Close this search box.

Estratexia e planificación da integración de sistemas e servizos de observación

A posición xeográfica da Comunidade Autónoma de Galicia fixo que esta tivera sempre un forte vínculo co entorno mariño o cal ten unha grande influencia na súa economía e na forma de vida dos galegos. O coñecemento do mar, das súas características, do funcionamento da dinámica mariña, dos ecosistemas costeiros e do seu aproveitamento, foi sempre obxecto de investigación e desenvolvemento nas disciplinas relacionadas, chegando a contar hoxe en día con gran número de infraestruturas, coñecemento e persoal especializado que constitúe unha masa crítica de especial valor para avanzar nos obxectivos de sustentabilidade e mellorar a xestión do medio mariño en Galicia.

 

Así mesmo, a importancia do coñecemento e xestión do medio mariño na economía global vese reflectida na inxente lexislación europea, nacional e autonómica que existe así como nas distintas iniciativas internacionais que perseguen un maior coñecemento dos mares e océanos, da súa boa xestión e aproveitamento sen esquecer os retos ós que se enfrontan derivados do cambio global e das novas formas de vida.

 

Os distintos pasos dados na observación mariña en Galicia contemplan dende redes de medición estables con un grande percorrido histórico ata iniciativas máis limitadas no tempo, alcance e ámbito, abordando diferentes enfoques que van dende a xestión dos recursos, a investigación e outros aproveitamentos do medio, a través do desenvolvemento de diferentes servizos.

 

O presente paquete de traballo aborda a análise exhaustiva da observación mariña e dos servizos desenvolvidos en Galicia, e contempla as necesidades actuais e futuras fronte ós cambios vindeiros e que permitirá, fortalecendo as sinerxías entre os grupos, o desenvolvemento dun plan estratéxico da monitorización mariña. O plan estratéxico abordará as melloras do xa existente, a coordinación das distintas iniciativas e a implantación de novas estratexias de monitorización, o desenvolvemento de servizos, unha política de datos, e a interacción nacional e internacional da observación galega. O desenrolo deste plan estratéxico persegue a modernización e o  reforzo da observación e da monitorización como bases do valor engadido para a sociedade, e para un  aproveitamento do medio mariño en Galicia, sostible e apoiado no coñecemento científico.

José Molares Vila (INTECMAR)
Garbiñe Ayensa Aguirre (INTECMAR)
Marisa Fernández (CETMAR)
Belén Rubio (Uvigo)
Pablo Otero (IEO-CSIC)
Fran Saborido Rey (IIM-CSIC)
Carlos Pereira Dopazo (USC)
Ana Bernabeu (Uvigo)
Marta López Cabo (IIM-CSIC)
Carmen G. Castro (IIM-CSIC)

Líñas de actuación relevantes no marco de referencia

A1.2 Plan de dotación de infraestruturas

A1.7 Desenvolvemento dunha estratexia de observación mariña

A1.8 Desenvolvemento de produtos e servizos para a toma de decisións

A1.9. Estratexias para fortalecer a resiliencia dos ecosistemas mariños

 

Actuacións/propostas integradas no paquete de traballo

2.1 Análise dos programas de observación e monitorización e das necesidades asociadas

2.2 Definición dos sistemas de alerta e outros servizos de utilidade para a toma de decisións

2.3 Estratexia da monitorización mariña