Ferramentas xenómicas para a xestión sostible e a mellora da produtividade da acuicultura

A presente proposta representa un proxecto integrado e multidisciplinar das capacidades do sistema de I+D galego en xenética e xenómica coa colaboración de expertos en xestión da pesca e patoloxías de peixes e moluscos para dar solución ós retos principais relacionados coa produción sostible de organismos mariños en Galicia, tanto nas súas pesqueiras como na produción intensiva ou semiintensiva de peixes e moluscos. A proposta articúlase en tres actuacións estreitamente interconectadas que se relacionan co desenvolvemento de ferramentas xenómicas, estatísticas e bioinformáticas (A6.1) que dan soporte ós retos expostos na xestión sostible da pesca (A6.2) e na mellora da produción da acuicultura de peixes e moluscos (A6.3), e que ademais supoñen un investimento para a investigación futura nestes ámbitos. Na actuación A6.1, completarase o traballo previo relativo ó ensamblado dos xenomas das especies de maior interese comercial para a pesca e a acuicultura; desenvolveranse marcadores xenéticos a gran escala para o rastrexo xenómico de variación adaptativa e caracteres de interese produtivo (QTL), así como para a súa aplicación na xestión da pesca e a selección xenómica en especies de interese acuícola; finalmente, actualizaranse e refinaranse os procedementos estatísticos e informáticos para dar soporte a estas actuacións, que incluirán desenvolver ferramentas para a estimación do censo efectivo de poboación contemporáneo e histórico, determinar a pegada xenómica da selección e levar a cabo selección xenómica utilizando redes neuronais. Na actuación A6.2, investigarase o estado dos principais recursos pesqueiros no litoral galego para a súa xestión sostible no marco do cambio climático global. Especificamente, abordarase en profundidade a estrutura xenética, incluíndo variación adaptativa, da pesquería de pescada; abordaranse os efectos do cambio climático sobre os procesos de hibridación interespecíficos e procesos de introgresión que poden afectar á capacidade adaptativa e ó futuro das pesqueiras; e finalmente, usaranse especies sentinela que permitan predicir cambios no ecosistema e na propia sustentabilidade da pesca asociados ó cambio climático. A actuación A6.3 está dirixida a resolver un dos problemas principais da acuicultura, as patoloxías, actuais ou emerxentes, mediante a aplicación de ferramentas xenómicas, e en particular, da selección xenómica. Aínda que, o obxectivo é abordar a problemática en peixes e moluscos, a distinta configuración de ambos os sectores, determina que o maior esforzo se poña nos moluscos, e no caso dos peixes, se desenvolvan actuacións complementarias coas empresas do sector, que xa teñen en marcha proxectos industriais propios. Aínda que a énfase se dirixirá cara ás especies de interese comercial para Galicia, a globalización da acuicultura e o escenario internacional abren a oportunidade para o desenvolvemento de tecnoloxía complementaria custo-eficiente aplicable noutros países e noutras especies de interese español e europeo (“tecnoloxía galega”). O proxecto inclúe especialistas recoñecidos a nivel internacional en xenética de poboacións e xenética cuantitativa, así como expertos en xenómica cunha dilatada experiencia. No consorcio incorporaranse investigadores doutros centros nacionais e internacionais (non financiados), cuxas capacidades son importantes para o éxito da proposta e a súa proxección internacional, que abran novas oportunidades e colaboracións. O proxecto inclúe así mesmo investigadores con ampla experiencia e recoñecemento internacional en xestión da pesca, así como en patoloxías de peixes e moluscos, que achegarán ademais o coñecemento dos seus respectivos sectores froito de décadas de traballo con produtores, empresas e xestores. Todos os integrantes do consorcio teñen ampla experiencia no seu campo a través de proxectos nacionais e internacionais, así como en colaboración con empresas do sector de peixes e moluscos. Este proxecto xerará entregables chaves para a innovación e mellora da xestión e produción acuícola e pesqueira en Galicia no marco do cambio climático global. A complementariedade nas capacidades e experiencia previa do consorcio é unha garantía para o éxito da proposta, e servirá, así mesmo, para a articulación do I+D galego cara ó futuro.

Paulino Martínez (USC)
Laura Casas (IIM-CSIC)
Rosa Fernández (CETMAR)
Antonio Villalba (CIMA)
Asunción Cao (CIMA)
Juan Blanco (CIMA)
María Ortega (CIMA)
Xulio Valeiras (IEO-CSIC)
Pep Rotllant (IIM-CSIC)
Alex Alonso Fernández (IIM-CSIC)
Elvira Abollo (IIM-CSIC)
Fran Saborido Rey (IIM-CSIC)
Natalia Petit (IIM-CSIC)
Santiago Pascual (IIM-CSIC)
José Ramón Paramá Gabía (UDC)
Susana Ladra (UDC)
Mariluz Pérez-Parallé Mera (USC)
Belén Gómez (USC)
Carmen Bouza (USC)
Laura Sánchez (USC)
Manuel Vera (USC)
Angel Pérez Diz (UVIGO)
Antonio Carvajal (UVIGO)
Armando Caballero (UVIGO)
Juan Galindo (UVIGO)
Paloma Morán (UVIGO)
Rafael Bañón (XUNTA)

Líñas de actuación relevantes no marco de referencia

A1.3 Desenvolvemento de novas tecnoloxías de monitorización ambiental.

A1.4 Desenvolvemento de novas tecnoloxías para o seguimento dos recursos vivos

A2.14 Estudos de xenética de poboacións de peixes e moluscos

A2.18 Mellora da adaptabilidade da produción acuícola ó cambio climático

 

Actuacións/propostas integradas no paquete de traballo

A6.1   Desenvolvementos xenómicos, estatísticos e bioinformáticos

A6.2   Ferramentas aplicadas á xestión pesqueira e do ecosistema litoral

A6.3      Programas de selección xenómica para a mellora da produción