Thinkin Azul España | Actualidade
Search
Close this search box.

Desenvolver ferramentas para mellorar a produción marisqueira sostible

O marisqueo e a acuicultura de moluscos bivalvos en Galicia son interdependentes de xeito que a sostenibilidade e a mellora da produción de bivalvos requiren actuacións coordinadas en ámbolos dous eidos. Tanto a acuicultura de bivalvos como o marisqueo susténtanse sobre recursos sedentarios bentónicos con ciclos de vida e estrutura espacial complexos, o que ten como consecuencia que dous dos piares principais da economía do mar en Galicia estean sometidos a procesos altamente variables e, polo de agora, pouco predicibles, o que dificulta enormemente a xestión integral destes recursos, en especial pola variabilidade espacial e temporal no recrutamento, que condiciona a dispoñibilidade de semente tanto para a súa engorda en bancos marisqueiros e viveiros (bateas, parques) coma para a repoboación de bancos naturais. O obxectivo xeral do paquete de traballo é proporcionar procedementos e ferramentas que garantan un abastecemento sostible de semente para mellorar e fortalecer a acuicultura de moluscos bivalvos nun contexto de explotación sustentable dos recursos naturais de Galicia, contemplando actuar nas dúas fontes posibles de subministro de semente, o recrutamento no medio natural (Actuación 1) e a súa produción en criadeiros (Actuación 2). Tendo en conta as prioridades do sector galego de produción de moluscos, o traballo centrarase en tres especies, o mexillón Mytilus galloprovincialis, a ameixa fina Ruditapes decussatus e a ameixa babosa Venerupis corrugata. Os resultados servirán de referencia para desenvolver protocolos aplicables a outras especies no futuro.

 

Actuación 1. O obxectivo é crear ferramentas espazo-específicas para xestionar eficazmente o subministro natural de semente de bivalvos. En primeiro lugar avaliaranse as actuais redes de monitorización dos stocks, mellorando o seu deseño se é necesario, e estableceranse novas metodoloxías que permitan unha maior precisión e eficacia na avaliación de parámetros demográficos chave, como a abundancia larvaria (en conexión co PT6) e a capacidade reprodutiva (incorporando novos biomarcadores). Por outra banda, a través dunha serie de técnicas emerxentes (marcaxe natural por elementos traza e modelado numérico), crearanse matrices de conectividade que permitirán identificar as poboacións máis relevantes como fonte-sumidoiro ante diferentes escenarios climáticos. A información permitirá parametrizar un modelo meta-poboacional que posibilitará predicir a dinámica de dispersión larvaria e a evolución das poboacións ante diferentes situacións. Toda a información integrarase nun Sistema de Información Xeográfica dispoñible en aberto para a súa utilización como ferramenta de toma de decisións na xestión dos recursos, en función de diferentes opcións de manexo e de escenarios climáticos contrastantes.

 

Actuación 2. Hoxe non hai protocolos que aseguren a produción sostible ó longo de todo o ano de semente de ameixa fina en criadeiro, e os que se empregan para a ameixa babosa aínda non acadan un mínimo aceptable de eficiencia e rendibilidade, mentres que os de mexillón aínda non pasaron dos ensaios a moi pequena escala. O obxectivo é optimizar os protocolos de produción de semente de ameixas fina e babosa en criadeiro, para asegurar o subministro de semente de calidade demandada para a súa engorda e fortalecer a resiliencia dos bancos marisqueiros explotados. A limitación orzamentaria impide incluír na proposta a produción de semente de mexillón en criadeiro e a optimización dos procedementos de preengorda e engorda en medio natural da semente de bivalvos producida en criadeiro; estas actividades aprázanse ata obter financiamento abonda. As tarefas planeadas nesta actuación agrúpanse en tres actividades, (1) establecemento de protocolos fiables de acondicionamento de reprodutores, axustando as condicións abióticas e a nutrición, de indución á posta e de criopreservación de gametos e larvas, para asegurar a produción de semente en criadeiro todo o ano; (2) optimización dos protocolos de cultivo larval e poslarval a través da adaptación de sistemas de fluxo aberto e recirculación, optimización da dieta, procedementos que aseguren a supervivencia na metamorfose e das poslarvas e semente; (3) coñecemento minucioso da microbiota e patóxenos asociados ós distintos estadios e compartimentos de cultivo, mediante metaxenómica e metatranscriptómica. Outras tarefas esenciais vencelladas ás tres actividades fican aprazadas agardando financiamento. Dispoñer de protocolos fiables de produción en criadeiro é condición sine qua non para abordar programas de selección xenética de mellora de caracteres de especial interese, como resistencia a enfermidades ou tolerancia ó estrés ambiental asociado ó cambio climático.

Jose Manuel Fernández Babarro (IIM-CSIC)
Antonio Villalba García (CIMA)
Silvia Torres López (CETMAR)
José Alberto de Santiago Meijide (CIMA)
José Manuel Parada Encisa (CIMA)
Antía Villada Pillado (CIMA)
Justa Ojea Martínez (CIMA)
Susana Nóvoa Vázquez (CIMA)
Fiz da Costa González (IEO-CSIC)
Montse Pérez Rodríguez (IEO-CSIC)
María Isabel Fernández Álvarez (IGAFA)
María Obdulia Varela Manso (IGAFA)
Miguel Ángel Lastres Couto (IGAFA)
Elvira Abollo Rodríguez (IIM-CSIC)
Laura García Peteiro (IIM-CSIC)
Miguel Gil Coto (IIM-CSIC)
Camino Gestal Mateo (IIM-CSIC)
María del Mar Costa Portela (IIM-CSIC)
Sonia Dios Vidal (IIM-CSIC)
Antonio Pazos Castelos (USC)
Luz Pérez-Parallé Mera (USC)
Ana María Otero Casal (USC)
Javier Dubert Pérez (USC)
Juan L. Barja Pérez (USC)
José Manuel Leiro Vidal (USC)
Carlos Alberto Canchaya Sánchez (UVIGO)
Elsa Vázquez Otero (UVIGO)
Estefania Paredes Rosendo (UVIGO)
Ángel Pérez Diz (UVIGO)

Líñas de actuación relevantes no marco de referencia

A1.8 Desenvolvemento de produtos e servizos para a toma de decisións

A1.9 Estratexias para fortalecer a resiliencia dos ecosistemas mariños

A2.1 Diversificación dos cultivos

A2.10 Mellora dos sistemas de cultivo de bivalvos en todas as fases do proceso produtivo

A2.14 Estudos de xenética de poboacións de peixes e moluscos

A2.15 Establecemento de medidas biosanitarias e deseño de protocolos e outras medidas de control

A2.3 Mellora do coñecemento da bioloxía, patoloxías e aspectos fisiolóxicos para o cultivo de moluscos

A3.6 Integración da información socioeconómica nos procesos de toma de decisión sobre os usos do espazo mariño

A3.8 Creación dun laboratorio de iniciativas de ciencia cidadá e de participación social no desenvolvemento da investigación mariña

A3.9 Creación dunha rede de actores de investigación e innovación

 

Actuacións/propostas integradas no paquete de traballo

7.1 Unha ferramenta integral para o manexo ecolóxico da acuicultura de moluscos bivalvos: cálculo de matrices de conectividade e integración espacial de indicadores ecolóxicos

7.2 Abastecemento sostible de semente de moluscos bivalvos de criadeiro