Thinkin Azul España | Actualidade
Search
Close this search box.

Mellora da capacidade de diagnóstico en acuicultura e sustentabilidade na produción de peixe

Na acuicultura, un dos factores que máis problemas trae para o cultivo de calquera tipo de especie sempre foi, e seguirá sendo o das patoloxías. Hai que loitar contra elas en varias frontes, que se poden resumir en tres palabras –diagnóstico, prevención e control–, que conforman o obxectivo central da primeira das actuacións deste paquete de traballo. Neste proxecto, abórdanse os dous primeiros obxectivos, diagnose e prevención, con toda a profundidade científica e carácter práctico posible, de cara a lograr un mellor posicionamento da I+D+i galega neste eido, pero tamén co obxectivo de transferir ó sector a tecnoloxía que poida aplicar directamente no seu día a día. Neste sentido, entre as tarefas orientadas ó desenvolvemento de novas tecnoloxías de diagnóstico, unha parte importante céntrase na adaptación das tecnoloxías actuais de vangarda, pero en mans de laboratorios especializados, para a súa inmediata transferencia ós laboratorios das empresas do sector, e mesmo ó persoal especialista (biólogas/os) de campo. Referímonos, dentro da Actuación 8.1, as tarefas 8.1.A.2 (para o desenvolvemento de kits de tests lateral-flow, semellantes os kits de antíxenos da COVID, baseados na tecnoloxía de hibridación de ácidos nucleicos, xa posta a punto polos equipos participantes) e 8.1.A.3 (para a adaptación e validación da tecnoloxía de PCR en tempo real en macroarray, ós q-termocicladores de baixo custo). Outra parte céntrase no desenvolvemento e posta a punto de tecnoloxías punteiras que potenciarán as capacidades de diagnóstico dos laboratorios científicos, de referencia e especializados, non só da nosa CA, senón tamén a nivel nacional e internacional; neste caso, estamos a falar das tarefas 8.1.A.1 (Posta a punto da Inmuno-PCR en tempo real para parasitos) e 8.1.A.4 (para o desenvolvemento e validación da PCR dixital, en substitución da tradicional qPCR).

 

No ámbito da prevención, propóñense tres actividades enfocadas a posicionar ós grupos mais preto do desenvolvemento de vacinas tecnolóxicamente máis punteiras. Para iso, deseñaranse e construiranse antíxenos recombinantes bacterianos e parasitarios (Tarefa 8.1.B.1), así como mRNA viral (actividade 8.1.D), que se testarán nunha primeira fase para confirmar a súa idoneidade (tarefa 8.1.B.3). Asemade, traballarase no deseño e testado de novos adxuvantes de nova xeración, específicos para cada un deses tipos de antíxenos construídos (tarefas 8.1.B.2 e 8.1.B.3) , e se deseñará un anticorpo monoclonal específico para axudar na avaliación de todas as vacinas que se vaian a preparar nas seguintes fases (Actividade 8.1.C).

 

Un dos retos para facer a acuicultura de peixes máis sostible ambientalmente é conseguir substituír a fariña de peixe por ingredientes alternativos. Hai tempo que comezou o estudo da súa substitución por ingredientes de orixe vexetal que, no mellor dos casos, supón unha solución parcial ó problema. Este tipo de estudos realizáronse fundamentalmente en especies como o salmón, a robaliza e a dourada, con respostas moi dependentes da especie, sendo moi poucos ou nulos os estudos sobre outras especies de interese para a piscicultura, como o rodaballo. Nos últimos anos foron aparecendo novos ingredientes que teñen potencial para cubrir as necesidades nutricionais das especies cultivadas, pero dos que se descoñece ata que punto son adecuados, desde un punto de vista integral, para as especies ás que se destinan. En Galicia, a pesca extractiva é un sector moi relevante do que se obtén unha grande cantidade de descartes. Asemade, a industria conserveira xera un grande volume de subprodutos. Na actuación 8.2 empregaríanse como novos ingredientes, hidrolizados encimáticos proteicos (FPH) derivados de descartes da pesca (lirio) e subprodutos da industria conserveira (cabezas de atún). Os novos ingredientes empregaranse para formular dietas e elaborar pensos para alimentar o rodaballo na fase de crecemento. Os experimentos irán encamiñados a avaliar o impacto da alimentación sobre parámetros zootécnicos e de crecemento, mecanismos fisiolóxicos implicados na regulación do apetito, perfís nutricionais, procesos dixestivos, estrutura anatómica e histolóxica do tracto gastrointestinal, e resposta da microbiota gastrointestinal. A utilización destes descartes e subprodutos para a obtención de ingredientes que poidan ser empregados na formulación de pensos para peixes acuícolas contribuirá a impulsar unha iniciativa de economía circular, de xeito que se valoricen estas materias promovendo unha acuicultura máis eficiente e sostible.

 

O rápido crecemento da acuicultura nas últimas décadas converteu o benestar animal nun punto crítico, non só por razóns éticas, senón tamén polo impacto que as situacións de estrés teñen na redución da produtividade e o aumento da mortalidade. Nos peixes a preocupación por este concepto aumentou tras a aparición de estudos que apuntan a que, como vertebrados superiores, senten dor e sofren. Desde o punto de vista do produtor, este feito determina as técnicas acuícolas e a forma de manexar os animais, en todas as fases vitais, sendo motivo de preocupación que, ademais, provocou a necesidade dunha lexislación máis estrita nalgunhas fases críticas, como é o caso do sacrificio. Por outra banda, a percepción da acuicultura por parte dos consumidores melloraría se se puidese garantir que a cría e o crecemento do peixe se realizou en condicións respectuosas co benestar, incrementando así a súa aceptación e o valor do produto final. A vixilancia do benestar baseouse tradicionalmente nunha serie de indicadores bioquímicos e fisiolóxicos. Aínda que válidos dende o punto de vista fisiolóxico, estes parámetros son pouco operativos, facéndose necesario desenvolver novos métodos, máis prácticos e útiles, tanto para os investigadores como para os acuicultores, adaptados a cada especie e ó sistema de produción.

 

Na actuación 8.3 establecerase unha batería de marcadores fisiolóxicos e moleculares que permitan avaliar o benestar no rodaballo por métodos non invasivos e que se poidan aplicar en diferentes fases de produción. Asemade, se estudará o uso de biosensores implantables como método de seguimento continuo do benestar, e á súa validación en diferentes fases de produción. Finalmente  analizaranse os métodos actuais de sacrificio dende o punto de vista do benestar e estableceranse marcadores fisiolóxicos e moleculares que poidan servir para determinar que a morte do animal se produce en ausencia de, ou co menor posible, sufrimento e dor.

Carlos Pereira Dopazo (USC)
José Luis Soengas Fernández (UVIGO)
Montserrat Pérez Rodríguez (IEO-CSIC)
Josep Rotllant Moragas (IIM-CSIC)
Antonio Figueras Huerta (IIM-CSIC)
Xosé Antón Vázquez Álvarez (IIM-CSIC)
Jesús M. Míguez Miramontes (UVIGO)
Antonio Pazos Castelos (USC)
Carlos Jiménez González (UDC)
Ysabel Santos Rodríguez (USC)
Maribel Quiroga (USC)
Alicia Estévez Toranzo (USC)
Jesús Lamas & Jose Leiro (USC)
Manuel Rey Méndez (USC)
Susana Magadan Mompó (UVIGO)
José M. García Estévez (UVIGO)

Líñas de actuación relevantes no marco de referencia

A2.11 Mellora do coñecemento sobre o benestar dos cultivos

A2.12 Mellora da nutrición e alimentación dos peixes mediante o uso de novas formulacións de pensos

A2.13 Xeración de novos ingredientes para piensos na acuicultura

A2.15 Establecemento de medidas biosanitarias e deseño de protocolos e outras medidas de control

A2.2 Estudos de fisioloxíae patoloxía

A2.9 Mellora dos sistemas de cultivo de peixes A2.20 Mellora da cultura ambiental, da transparencia e da percepción

 

Actuacións/propostas integradas no paquete de traballo

8.1. Tecnoloxías para a prevención, control e diagnose

8.2. Novas formulacións de pensos para o rodaballo: sustentabilidade dos descartes

8.3. Monitorización do benestar do rodaballo. Desenvolvemento de ferramentas non invasivas e implementación en distintas fases da produción