Thinkin Azul España | Actualidade
Search
Close this search box.

Intervención transformadora para a resiliencia do medio litoral en Galicia

Os cambios inducidos polas actividades humanas na vida mariña, ou ben os cambios externos, así como o impacto destes cambios nos ecosistemas, nas súas estruturas (por exemplo, a biodiversidade) e no seu funcionamento (por exemplo, na produtividade e resiliencia),  do mesmo xeito que as consecuencias sociais e económicas que se derivan, deben ser todos eles definidos e cuantificados para facilitar a xestión dos usos do litoral e das zonas mariñas. Actualmente existen na zona marítima e no litoral galego unha multitude de actividades que van convivir con outras actuacións emerxentes que adoitan competir por un espazo neste litoral, interactuando entre elas, por exemplo as derivadas do transporte marítimo, das plataformas de enerxía renovable e non renovable, da explotación dos recursos vivos e non vivos, as verteduras municipais e industriais, as actividades de lecer, xunto cos cambios medioambientais máis amplos, incluído o cambio climático. 

 

A consideración das consecuencias destas presións e vectores de cambio para a vida mariña, a medio e longo prazo, e as das medidas de adaptación e mitigación (como a introdución de novas tecnoloxías e estruturas, novos sistemas de produción de enerxía, e novas  fórmulas na xestión de pesca) é un requisito previo para o desenvolvemento e a aplicación de estratexias e políticas públicas no litoral e nas zonas mariñas, especialmente as que figuran nos obxectivos da economía azul e no Pacto Verde da UE.

 

Neste sentido o PT10 realizará, a través dunha investigación multidisciplinar no eido das ciencias sociais xunto con investigación das áreas das ciencias físicas, químicas ou biolóxicas, un análise das actuacións humanas no litoral procurando acadar os seguintes obxectivos xerais:

  • Identificar que intervencións poderían realizarse no contexto da Economía Azul en Galicia a curto prazo, en termos de mellora sustentable, xestión de riscos e impactos e/ou incremento da capacidade de adaptación ó cambio.
  • Definir que accións poderían desenvolverse para acadar os escenarios mais desexables de entre os desenvolvidos para os vectores de cambio.
  • Analizar, establecer prioridades e cuantificar as necesidades de coñecemento e innovación para avanzar e consolidar os resultados do PT no longo prazo.
  • Elaborar un libro verde da investigación nas ciencias sociais para o futuro da economía azul en Galicia.

 

Para a consecución destes obxectivos, o PT10 propón realizar unha investigación integrada e interdisciplinaria empregando como apoio, cando isto sexa posible, os datos fornecidos polo PT3, PT4 e PT5, entre outros, e sen menoscabo das interaccións con outros PTs. De xeito abreviado, acometeranse os seguintes tipos de traballos:

  1. Recompilación de información sobre a situación actual (a liña base con datos secundarios) e as diferentes presións e vectores de cambio actuais, e potenciais presións no medio mariño no futuro.
  2. Comprensión dos mecanismos de cambios na vida mariña e o papel da actividade humana, os posibles riscos, e identificación de comunidades vulnerables.
  3. Avaliación, dende a perspectiva económica, do posible impacto destes vectores de cambio, incluíndo o impacto do cambio climático.
  4. Analizar o impacto dos cambios sobre os ecosistemas, na estrutura e funcionamento dos servizos ecosistémicos que prestan.
  5. Proxectar os futuros cambios e consecuencias das actividades humanas sobre o medio ambiente mariño en posibles escenarios futuros de adaptación e mitigación.
  6. Sintetizar a información obtida en ferramentas cartográficas e estratexias de xestión innovadoras e preditivas dirixidas ós axentes da quíntupla hélice máis directamente interesados: responsables políticos, comunidade académica, industria e tecido produtivo e a outros estamentos da sociedade.

 

Dada a complexa natureza do medio mariño, os seus múltiples factores de estrés e as respostas dos ecosistemas, é necesario centrarse en áreas específicas de interese e desenvolver nelas os estudos de caso que se propoñen. Estas áreas son:

  • A avaliación dos servizos do ecosistema mariño nun contexto local singular como é a enseada de San Simón.
  • A comprensión das interrelacións e interdependencias dos sectores do complexo mar-industria a través da adaptación das táboas Input-Output ó contexto específico da Ría de Pontevedra.
  • A modelización dos efectos do cambio climático sobre as condicións da contorna costeira de Galicia para determinar áreas de vulnerabilidade.
  • A modelización dos efectos do cambio climático sobre o valor dos servizos do ecosistema mariño considerando os trade-offs nas áreas do litoral onde os datos o permitan.

 

Estudaranse, por tanto os vectores de cambio e as repercusións correspondentes nas comunidades locais e nos sectores económicos marítimos, así como as implicacións sobre políticas e mecanismos de xestión. 

María Loureiro (USC)
Rosa Chapela (CETMAR)
Rosa Fernández (CETMAR)
Manuel Ruiz Villarreal (IEO-CSIC)
Xosé Antón Álvarez Salgado (IIM-CSIC)
Mario Soliño (IIM-CSIC)
F. Javier Sanz Larruga (UDC)
Gonzalo Rodríguez (USC)
Sebastian Villasante (USC)
Jesús Souza Troncoso (UVIGO)
Mª Teresa de Castro Rodríguez (UVIGO)
Elena Ojea (UVIGO)
Emilio Fernández Suárez (UVIGO)
Gonzalo Méndez Martínez (UVIGO)

Líñas de actuación relevantes no marco de referencia

A1.5 Plataforma integrada de datos mariños

A1.6 Técnicas analíticas avanzadas de datos complexos

A1.8 Desenvolvemento de produtos e servizos para a toma de decisións

A3.1 Ferramentas de planificación socioeconómica e de planificación espacial mariña e terrestre

A3.2 Diseño de sistemas de indicadores y visualización de datos

A3.6 Integración da información socioeconómica nos procesos de toma de decisión sobre os usos do espazo mariño

A3.7 Avaliación dos servizos do ecosistema mariño

 

Actuacións/propostas integradas no paquete de traballo

10.1 Caracterización das actividades humanas no litoral

10.2 Análise dos vectores de cambio

10.3 Interacción e recollida de datos primarios e co-creación de escenarios

10.4 Formulación de prospectiva de iniciativas transformadoras dentro e fora da zona de estudo