É un ámbito do coñecemento de particular complexidade. Recoñecer esta complexidade é o primeiro paso para comprender a necesidade de considerar abordaxes da investigación suficientemente transdisciplinares e ambiciosas ao mesmo tempo que se precisa equilibrio entre esta característica de amplitude e a necesidade de concreción e de certas garantías de obter un impacto obxectivamente demostrable alén da xeración de novo coñecemento científico. Galicia, no contexto da investigación mariña, representa un marco de actuación perfecto para desenvolver unha iniciativa destas características; os máis de 1400 km de costa, a singularidade das rías, a diversidade e riqueza dos ecosistemas combínanse con áreas dunha alta densidade de poboación e unha estrutura económica e social altamente dependente do medio mariño.
Estas características nun contexto de cambio global fan necesario intensificar os esforzos da comunidade científica para poder coñecer o estado do medio e dos recursos en cada momento, identificar áreas de vulnerabilidade, predicir a súa evolución en diferentes escenarios, especialmente os do cambio global, e identificar medidas e mecanismos de resposta que garantan a explotación sostible das especies de interese comercial, dos ecosistemas mariños, a conservación da biodiversidade, a protección dos ecosistemas vulnerables, e, en sentido amplo, do bo estado ambiental do mar. A súa resiliencia e a da sociedade, o seu benestar e saúde, dependen en gran medida dos avances que se consigan nesa dirección. Este é, en esencia, o desafío ao que nos enfrontamos e define os elementos estratéxicos que integran este Programa en Ciencias Mariñas de Galicia.